sábado, 11 de enero de 2020

LUCIA ALDAO, connosco, Luns 20 de Xaneiro




1.
Eu ó teu país fun brillar
e soltáchesme a noite para que me trabase.
Sobráronme campos de maínzo que atravesar radiante
mentres fuxía do animal esvelto da túa ansia.
Nunca queda claro se correr é de valentes
ou de covardes
e a min non me incomoda este verso,
gústame.
Gústame como a ti che gustan outras cousas que eu non tolero.
Todo o que desbasto para soar máis prudente:
“hai xente á que lle debe resultar tremendamente atractiva a displicencia”
Todo o que afío para soar máis inflexible aínda:
“non deberías conformarte con este sucedáneo de historia importante”
Demonízame agora, agora si.
Pero aclaremos
que roubar di máis da persoa que da súa necesidade.
Pensa que gran parte dos libros que lemos
sobreviven tan só a unha lectura.
A estas alturas poderías ter asumido que todo importaba a metade porque ía calor,
que se nos foron das mans as mans e fixemos do estómago un after.
Ese querer verboso.
Aquel posgrao en falsidade.
Droga por nós,
que a unha illa deserta levaríamos un xesto.
Droga por nós,
que non se pon o sol nas nosas bocas.
A frase “dime algo que eu non saiba”,
sorna fóra,
é agora a miña petición máis firme.
Ponlle nome ti a todo o que non pagou a pena,
atrévete a facer da palabra
líquido de contraste.
Droga por nós,
que non aguantou o noso amor a luz do día.







Lucía Aldao


Nacín en febreiro do 82. Son do barrio coruñés dos Mallos. Manteño unha relación moi estreita coa palabra desde sempre, ben sexa coa palabra escrita, lida, falada ou cantada. Poucas cousas fixen na vida que non estivesen relacionadas con ela. 
Traballo profesionalmente na poesía escénica desde 2005 coa tamén poeta María Lado. Xuntas somos aldaolado. Creamos espectáculos de poesía que adornamos con humor e música e cos que xiramos continuamente polos escenarios máis variados. Vivimos da oralidade. 
Todo isto antes era noite é o primeiro libro individual que publico. Non foi sen tempo. 

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...