ROSALIA DE CASTRO E OTERO PEDRAYO



Entrar na obra de Rosalía é como entrar no empardecer no xardín deixado dun pazo. Os donos hai tempo que fuxiron cara outro vivir máis mun­dano e brillante. Están pechadas as fiestras indiferentes ao puro florecer dos xazmineiros. Os gra­nitos barrocos da solaina recibiron longamente o agarimo do sol do serán e cubertos de orcelos soñan, na súa nudeza, co tempo xeolóxico en que eran pensativos e ergueitos penedos na liber­dade do coto. No xardín, unha man branca e sen­sitiva, man de dona galega, ordenou como un tema musical, o harmonioso decorrer dos sendeiros. Mais hai tempo que só tripan por elas os pés leviáns das fadas da noite.
Na luzada do día, cando polos ceos se desfolla a branca flor da ialba marabillosa coma a flor das fontes no abrente do San Xoán, o reiseñor e o merlo scherzan na frouma do xardín; o reiseñor quixo co seu canto prender as estrelas e embarcarse na barca da lúa. Mais as estrelas todas morreron enveleñadas na copa cruel do día e o minguante naufragou nas serras bretemosas do Oeste.O merlo máis confiado e humorista, a pesar do seu fatelo de monxe rebuldeiro, scherzando sonatas a un tempo bulreiras e confiadas quixo ser todo o día dono do xardín. Mais axiña calou cando medraba a sombra do alcipreste, e un infindo silenzo feito de lembranzas celtas e de tristeiras esperanzas cubriu as vellas roseiras, os magnolios petulantes, a esdenosa fidalguía dos buxos.
Imaxe inédita de Rosalía de Castro atopada por Ramón Torrado e publicada hai uns días nos xornais Certo e Galicia Confidencial
Para sentir a fondura do silenzo é precisa un voz. E este xardín, mellor que na lanzal ensoñación dos alciprestes, mellor que no verdecer confiado dos laranxeiros fala coa voz da auga eterna e sempre nova, pois a cada instante xorde da entraña da ,terra. Xorde e chora. Non ten consolo nin polodía nin pola noite: baixo o sol a pobriña, que á fin é labrega, sente timideza da luz e da fidalguía doxardín e fala tan baixiño que a penas se escoita. En troques, envolta nos liños do luar ou no infindomisterio da noite e da chuvia, a auga espalla os seus desconsolos. Figura non ter bágoas de abondo para chorar a súa dor. Ás veces ata parece que decorre confiada; só un instantiño; de seguida unafogado salouco racha a hora do solpor e entebre­ce todo o xardín. Camiñamos por el cubertos co loito das novas dores acrecidas polo salaiar daiauga.
Mais enganaríase quen pensar que este xar­dín pecha, coa súa artística tristura e coa súa auga saloucante, o paraíso garimoso para os poetas decadentes. Non o creou o narcisismo da melanconía, Non representa o xogo funeral dunha ialma que se goza na propia morte. Polo contrario, represen­ta a maior realización dun poderoso e enérxico espírito que pola dor trunfa da Morte. Pasarán as roldas de soles e lúas, de estrelas e de ventos de todos os anos do vivir, e as roseiras seguirán desfollándose, o alcipreste soñando e a iauga agurgullando verbas novas.
A dor pode ser un eixe de vivir espiritual e pola dor franquéanse as. máis outas realizacións areladas. Considerade un instanti­ño a terra da que zuga a súa elexía este xardín e os horizontes que o encadran, rexamente, no cerneda Galiza. Onde rematan as orlas de violetas dá principio o pomar. A iauga fuxida do xardín decorre xa calada polo verdecente seo dos lameiros e vai levar un consolo de frescor aos valentes milleirais alapeados polos soles do mes de Sant Iago.As raíces do xardín afondan con lediza no chan mesmo e nel mestúranse coas raíces da carballeira e do souto. As ilusións baixo o penitente alcipreste [que] tomou terra no mesmo leito no que dormen os petrucios e es nenos .da aldea. Un mesmo ceo orballa longamente sobre os buxos. do xardín e sobre os cotos do monte. O xardín vive e sofre na campía. Arrincado dela e volto parque de cidade ou claustro pechado entre arquitecturas, deixaría de sufrir, morrendo.
O que dixemos ao principiar este traballo sobre da ineficacia da crítica, teríamolo que repetir agora con chea xustificación. Rosalía desarma a análise. Fracasan diante dela os métodos, as experiencias, as comparacións. Unha ialma sinxela e forte vai núa polos camiños do mundo soamente vestida coa súa propia esencia e o mun­do todo adquire a forma que lle presta esta esencia do poeta. O menos literario, o menos pensabel que se poida maxinar.
Mais polo mesmo fortalécese a tentación; non se pode vencer esta arela de meditar sobre a ledicia das Follas Novas, dos Cantaresdas Orillas del SarPois, segundo escribe Paul Valéry: -«A Estética é unha grande e ata unha invencibel tentación. Como sufrir o sentirse conqueridos por certos aspectos da natureza e das obras dos homes, sen explicarmos esta ledicia casual ou elaborada que figura independente a un tempo da intelixencia e das novas afeccións ordina- rias?». Cóntase que o Beato .Anxélico pintaba axeonllado os cadros místicos. Deste xeito ímonos achegar á obra de Rosalía, non para trazar unha estética, nin un capítulo de historia literaria, non enchendo a sistemática dun programa ou teiman­do establecer unha opinión. Soamente -non abonda o atrevemento?- para alentar algúns instantes no aire que ela respiraba, para seguir no decorrer dos versos a fonte e a fuga dalgún dos seus sentimentos, para ispirnos de toda realidade banal na luz estelar da súa dor.
A maior dimensión líri­ca na arte acádase en Rosalía: non hai ego quesubxectivice o mundo en tanto grao como aquel ego saudoso. Pola suprema dignidade do tema entramos nel sinxelamente esquecendo toda a literatura que se ten feito arredor de Rosalía, pois na soedade do pazo aldeán só viven os versos e nós diante eles, sobrecollidos como dediante da ialma inmorredoira da Galiza.
Asoballa a forza do xenio poético de Rosalía. O seu eixo de diamante será dor, pesimismo, melanconía, saudade… Mais esta presente consecuencia do sentimento viste o mundo, e a ialma, o pasado e o porvir. Un sentimento acariñado con mimo, sentido con desespero, ás veces inocentemente burlado, endexamais ausente. Quen dixo nebulosidade, indecisión, medias tintas… e tantas cousas máis? –“Triste é o cantar que cantamos! / Mais que facer se outro mellor non hai?”. Afirmación clara e completa, poderoso convencemento adquirido pola sensibilidade, conciencia viva do ser da poesía. Pouco importa que o verso veña engastado noutras ideas sobre a nova paixón dos mozos. Rosalía fixo da dor a dimensión, a forma e a figura do seu espírito. As Follas Novas nacen no ermo: “Ramallo de toxos e silvas sós / hirtas coma as miñas penas, /feras coma a miña dor”. A paisaxe coma da ialma privada do consolo da felicidade procura a súa expresión na gándara; non gándara pondaliana latexante da infinda esperanza dos pobos, pois Rosalía proxectándose no mundo chega ao cume do lirismo –dicir lirismo é repetir romanticismo- e ten plena fe no título Follas Novas no senso certeiro de que descubría un universo novo que ata ela non tivera na arte completa realización.
Sentía a primavera súa, tráxica, orballada de bágoas, mais tamén amada porque sufrindo vívese. E xa veremos cal foi para Rosalía o único senso da vida. Di como sente o medo da desgraza (“Que vive /e que non se ve. / Que vén e que nunca se sabe onde vén”): hai neste medo tamén un cariz de amor pois, á fin, a desgraza vai con ela, é o seu vivir diario pois “…meu corpo de terra /e o meu cansado esprito,/ adonde quer que eu vaia/ van comigo”. Mais non hai orgullo nesta conciencia. Outros suspiran por algún ben perdido; suspirar por algo perdido ven ser unha esperanza pois o hoxe e o mañá decorren con outros ritmos no tempo interior.
Rosalía non suspira nin arela; ata sabe que a súa dor vivirá con ela despoixa da morte. Non arela outra cousa porque unha vez fixo unha experiencia na que se podería atopar o cerne do carácter de Rosalía. Tiña un cravo cravado no corazón. Non se parou a estudalo. A análise interior non entraba no seu mundo sinxelo e dinámico. Nada menos intelectual: outros grandes líricos isolan, obxectivizan na conciencia as presenzas sicolóxicas; chegan a ollalas fronte a fronte, polo menos un instantiño, ou prívanse delas encarnándoas nunha criatura de arte que vive fóra do autor.
Rosalía é todo ela; a súa forte intelixencia non se separou nunca da sensibilidade que corría en pulos renovados de fondo abisal do ser. Goethe ceibou o seu Wherter polo mundo: un fillo que se olla algunha vez con melanconía que non tinxe a nova obra. Os místicos e os ascetas tallaron a carne do espírito e botaron sobre a mesa da conciencia ósos e nervios, sangue e músculos; alí quedaba o corazón sanguento estudado e como estudado, suprimido.
Rosalía fixo a proba; se non fiou das propias forzas: chamou a Deus. E o cravo foi arrincado: “E seica, / seica tiven soidades/ daquela pena/ ¡Bon Dios!”. E Rosalía seguiu abrazada á dor como san Francisco á cruz: era a vida da súa alma, o sentimento de que aínda viviu. Quixera ter unha alma máis grande; a felicidade non enche, en troques quen sofre: “-Oco non atopa no ferido peito / Porquer a dor ¡enche tanto!”.
Non puido sufrir o balbordo do mundo, nin a propia vitalidade inqueda ¡xa sabía que estaba chamada a ser trono da dor sen consolo! Quedou soia, consigo mesmo, apenas un pouquiño de mundo para que o espírito soubese que aínda habitaba na carne mortal: un mundo do que soamente se oía o roer dun rato e o estralar da ponla no lar, compañeiro das ardentes maxinacións dos solitarios.
A carón dese lume responde a todo intento de consolo: “Mais ve que o meu corazón / é unha rosa de cen follas”. Pouco importa arrincar algunha, están apegadiñas, son infindas. “O corazón me arrincaras /desque as arrincaras todas”. Esas follas da rosa miragreira da ialma foinas arrincando ela mesma, unha a unha, e salferíndoas nos seus versos. Neles están sangrando e chamando unhas polas outras –coa saudade das que ficaron na entraña do corazón de Rosalía!.
Ten ela diante de si a desgraza súa obxectivada: xa non é dor nin saudade, xa non é o mal abstracto, senón a desgraza súa que por un esforzo do lirismo –un pulo requintado de sofrente vivir da ialma só posíbel nun grande poeta –ata chega a ollala fóra de si, personalizada na negra sombra ou na pantasma disforme maior que o ceo e a mar –as dúas representacións da infinitude- e ten un pé nos astros e outro na coba. Estas criaturas asómbranlle o mundo: saen dela un instante sen deixala tranquía. Nestes momentos de lucidez terribel, con que ollos considera Rosalía a súa desgraza corporeizada? Non con fría análise, nin prestándolle un carácter épico; ela sempre muller identificada co sentir sinxelo das almiñas aldeás vea pasar, arredor de si, con medo, cun triste consolo, pois sabe que a desgraza e mais ela, Rosalía, son os únicos actores da escena do mundo e que deseguida volverán a negra sombra e a pantasma disforme a acougaren , enchéndoo, no seu espírito.
Nos poemas que puideramos considerar obxectivos acada Rosalía unha maravillosa técnica na caracterización da desgraza; indican, ben lonxe de toda postura literaria, unha ardente meditación do asunto. “De onde ven?¿Que quer? ¿Porque a consintes, potente Dios, qu’os nosos males miras?”. Ela endurece o corazón, mata a esperanza, fai o baleiro arredor, produce laios ou blasfemias, enturbia o sol, empezoña as fontes, enxoita o mar onde quixera afogar o desgrazado, que ata se sente abandonada pola morte.
Para ela non hai primavera, nin luz, nin calor, nin xequera unha coba tranquila. Vai de ponla en ponla soa como unha pombiña, o vento do outono arrinca as follas coma as esperanzas e “só o sono da morte /o triste dorme en paz”. O que ten non é frío nin doenza, é “a ialma enferma, poeta e sensíbel / que todo a lastima / que todo lle doe”. Para a sandar teríanlle que arrincar o corazón. Aquela roxa estrela nada con ela non a alumeou, ben poidera apagarse, pois o seu tempo sempre vai caindo na eternidade contado por un “Tas-tís!/Tas-tís! pola péndola na noite silenzosa, com’un corazón cheo de doores, e /us tras d’outros istantes silenciosos /pasando van e silenciosos chegan… sin que o porvir velado dos mortais ollos/ rompan as pesadas brétemas”. El ben sabe que a dor sendo a verdadeira dimensión da súa alma identifícase co tempo” […].
[“Romanticismo, saudade, sentimento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía Castro e Pondal” [ed. facsímile], en A paixón e o discurso de Otero Pedrayo: Galicia, A Coruña: Deputación da Coruña, 1998, pp. 71-81].
 Dr. Camilo Fernández Valdehorras

Rosalía en Otero Pedrayo (II)

O xardín deixado dun pazo ao empardecer…
A hermenéutica de Otero Pedrayo, que deplora a liquidación da metafísica e, naturalmente, non suscribe en absoluto a nietzscheana ‘morte de Deus’, instaura o seu foco alumeador lonxe de todas as voltas de porca que supón a revisión posmoderna da tradición católica por parte das distintas variantes da “filosofía da sospeita” (Heidegger, Gadamer, Derrida, Foucault, Wittgenstein, etcétera), padíns da cultura da modernidade trala revolución científica despregada co Renacemento e a Ilustración e que converxen, como punto de inflexión, na obra de Nietzsche.
O Deus no que Rosalía cre, segundo se colixe do epítome de Otero que transcribimos, é un Deus-misterio pero tanxibel, inequívoco, o dun xenuíno crente alonxado de toda teoloxía dogmática. Otero enfatiza aquí esta sensibilidade relixiosa, tráxico-cristiá e antidogmática de Rosalía. Unha sensibilidade espiritual compartida en xeral por todos os que, dende unha perspectiva máis concorde coa sabiduría tradicional pre-moderna (ou post-conciliar) se amosan descontentos tanto respecto dunha Igrexa institucional (fría, que fai do dogma unha pauliña contra os fieis), como verbo dos cantos de serea das seguridades tecnocientíficas (“Luz e progreso en todas partes, pero as dudas nos corazóns…”) dunha Humanidade espiritualmente insensibel a Deus cuxa alternativa desesperanzada é o escepticismo posmoderno.
O anaco textual que se ofrece a seguir está extractado da longa “meditación” que Otero lle adicou ao ser e senso da vida e obra de Rosalía no seu discurso de ingreso na Academia Galega intitulado Romanticismo, saudade, sentimento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía Castro e Pondal. Discurso que foi pronunciado o día 9 de nadal de 1927 no salón do “Círculo de Artesáns” da Cruña, cando o autor se atopaba no cénit da súa enxurrada creadora e contou coa resposta gabanciosa do tamén académico Vicente Martínez-Risco, conveciño e máis que amigo irmán.
A edición prínceps íntegra dese ensaio saíu do prelo de “Nós. Pubricacións Galegas e Imprenta”(situado xa daquela na rúa das Hortas, 20 de Santiago de Compostela) o 13 de agosto de 1931. Dende entón ata a data, nunca o texto foi reeditado completo e só circulou escolmado nalgúns retrincos ou referido en citacións puntuais. Sesenta e sete anos despois, en 1998, reimprimiuse, de novo en facsímile, nun libro rubricado cun título elusivo e enfático, A paixón e o discurso de Otero Pedrayo: Galicia, publicado pola Deputación Provincial da Cruña.
Nas súas páxinas limiares, o propio autor resumiu o contido xeral do ensaio deste xeito: trátase de pescudar nas “orixes e caracteres do Romanticismo que en Galiza personaliza Nicomedes Pastor Díaz, da Saudade e do Sentimento poético da Raza e da Terra considerados en algún aspectos de Rosalía e Pondal”. Del transcribimos, a seguir, só o inicio do capítulo III, en dobre formato (texto normativizado e orixinal facsimilar) por considerármolo non só unha das máis belas e admirabeis páxinas de prosa poética saídas da pena de don Ramón. Senón sobre todo por conter unha obra prima de glosa metaliteraria (e á vez, como non, de autopoética oteriana) acerca da vida feita obra poética de Rosalía, transmutada aquí pola arte hermenéutica de don Ramón nunha constelación simbólico-literaria de acendrado lirismo romántico e cumio do misticismo tráxico do cristianismo galego.
Como ben salienta F. Fernández del Riego no emocionado prólogo dese facsímile, titulado “Memoria do mestre e do amigo”, “falando deste discurso dixo Ricardo Carvalho-Calero que atinxira nel o autor as notas máis agudas da súa prosa oratoria pois as imaxes sucédense nel cunha tensión altísima e unha riqueza sen taxa”.
En efecto, alén do seu indiscutibel valor como tal ensaio de historia literaria e historia das ideas, o discurso académico contén unha brillante amosa do indiscutíbel xenio literario de Ramón Otero Pedrayo como estilista, como pensador e como hermeneuta cinguindo o universo rosaliano nunha metáfora alegórica xeral: o “xardín deixado dun pazo ao empardecer”. Neste símbolo Otero nuclea e envolve todo o seu escolio encol da identidade artística e espiritual de Follas Novas, Cantares Gallegos e En las orillas del Sar, os tres libros rosalianos que nel se glosan. Sintagma poético elocuente que, alén dos denotadores e connotadores, esixe ser comprendido “dende dentro”, isto é, de acordo co senso holístico que cada unha desas verbas posúe no interior da esexese oteriana, a saber:
-“xardín”, como microcosmos creado pola sensibilidade da natureza humanizada de Galiza “ordeado pola man branca e sensitiva de dona galega” que foi Rosalía; “xardín que representa a maior realización dun poderoso e enérxico espírito que pola dor trunfa da Morte” (p. 73).
-“deixado”, no senso de “abandonado” polos seus habitantes/lectores “fuxidos a outro vivir máis mundano e brillante” (en canto, indiferentes á poética rosaliana por pasada de moda);
-“pazo”, como emblema retórico da “xuntanza do señorío coa aldea onde aquel ten as raíces do seu valor”(“todo vive esperanzado; soilo “o caserón querido” é unha tráxica –e por iso máis amada- excepción á lei da vida…”);
-e “ao empardecer” porque é o solpor entre lusco e fusco a antesala do misterio pleno da noite, ámbito máis propicio da voz inspirada polo Creador.
Un xardín-poemario, pois, que fala coa “voz da auga eterna e sempre nova” que a cada intre xorde da entraña da Terra-Rosalía revelando, nas sucesivas catas de profundidade expostas por Otero nas seccións do capítulo, a súa omnisciente consciencia relixiosa (“a relixión era o úneco sentimento garimoso qu’a afirmaba ó vivir” (p. 83), o seu pathos cristián (en que se funden dor e tempo), o seu sentimento saudoso do alén da súa espiritualidade…
Ao longo do capítulo III, da man evocadora dos versos rosalianos hermeneutiza Otero sobre as paisaxes amadas por Rosalía, sempre musicais: as veigas do Sar, o cemiterio de Adina en Padrón, o xardín de San Carlos na Cruña (onde dorme “o heroi” romántico), o bosque de San Lourenzo e a catedral de Compostela… E repasa os principais leitmotivs da súa simbólica a través da auscultación do sentimento dinámico cifrado nalgúns dos seus poemas: “o seu infindo amor pola morte sentida sempre de forma individual”, o desexo de fuxir da desgraza, o amor apaixonado a Galiza, o feitizo por Compostela (“a causa particolar do seu incurabre desconsolo”, p. 98), a tentación do suicidio e os remorsos e a crenza na inmortalidade da alma propia dun “grande espírito céltigo e romántico”.
Tales son, ao meu xuízo, as ideas-forza oterianas dominantes que salientan nesta esexese de Rosalía como muller-poeta de “perfección moral dinámica e “vítima propiciatoria das desgrazas de Galiza” (p. 83), nódoas que confirman as seguintes pasaxes, extractadas do capítulo e enmarcadas so catro etiquetas da miña persoal lectura:
1) lirismo radical de requintada arte poética: “A maior dimensión líri­ca na arte acádase en Rosalía: non hai ego que subxectivice o mundo en tanto grao como aquel ego saudoso…”. (p. 75) “Rosalía foi precursora, co seu inconsciente faustismo e a súa marabillosa consciencia do verso, do máis moderno e requintado lirismo”. (p. 96).
2) pathos espiritual saudoso“A door pode ser un eixe de vivir espirtoal e pol-a door franquéanse as outas realizazós areladas” (p. 73). “Asoballa a forza do xenio poético de Rosalía. O seu eixo de diamante será dor, pesimismo, melanconía, saudade… Mais esta presente consecuencia do sentimento viste o mundo, e a ialma, o pasado e o porvir..”. (pp. 75-76). “Rosalía fixo da dor a dimensión, a forma e a figura do seu espírito…” (p. 76).
3) místicismo tráxico-cristián: “”Por baixo da dor da súa ialma hai un fondo abismo, qu’ela apenas s’astreve a ollar” (p. 82); “renunciamos a esculcar a traxedia interior de Rosalía, xa que este traballo faise somentes sobr’a materia prima dos versos”(p. 98); “Rosalía non suspira nin arela; ata sabe que a súa dor vivirá con ela despoixa da morte. Non arela outra cousa porque unha vez fixo unha experiencia na que se podería atopar o cerne do carácter de Rosalía. Tiña un cravo cravado no corazón. Non se parou a estudalo. A análise interior non entraba no seu mundo sinxelo e dinámico….” (p. 77). “Rosalía é todo ela; a súa forte intelixencia non se separou nunca da sensibilidade que corría en pulos renovados de fondo abisal do ser (p. 78). “…Rosalía fixo a proba; se non fiou das propias forzas: chamou a Deus. E o cravo foi arrincado: “E seica, / seica tiven soidades/ daquela pena/ ¡Bon Dios!”. E Rosalía seguiu abrazada á dor como san Francisco á cruz…”. (p. 78). “Sería de fonda exempraridade unha xenealoxía espirtoal da moral de Rosalía: n’il xurdiría de fixo a páleda e atromentada maneira de Pascal, pois foran irmáns n’un sofrimento…” (p. 84).
4) e ethos étnico como consolo ao pathos tráxico individual: “ista Galiza físeca e moral foi a redenzón e a groria de Rosalía… Dela zugou enerxías para levar a crus do seu vivir. Pra non sufrir abondáballe se lembrar de ser muller, galega e campesía” (p. 105).
Asertos que arquitecturan o axioma espiritualista central e final –“Rosalía, bardo dos destinos”- que alumea toda a glosa interpretativa de Otero: “Rosalía fixo o sacrificio da propia door individoal, que na limitazón das creaturas humáns non deixa de ter algo d’egoista, i-ouxetivizándose na terra foi, ó igual que Pondal, un bardo dos destinos” (p. 107).
Abonde, aquí e agora, con eses catro compases para lle dar paso, en fin, á “maestosa obertura” dunha das máis outas sinfonías hermenéuticas compostas por Otero Pedrayo (e non só) adicadas a exaltar a poesía e a simbólica da “musa inmortal” das letras galegas.

Rosalía en Otero Pedrayo (I)

Comezo do texto de Otero Pedrayo
Comezo do texto de Otero Pedrayo
Este mes de febreiro de 2012 cúmprese o 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro (Compostela, 24 de febreiro de 1837). A “Asociación de Escritores en Lingua Galega” (AELG), que ven laborando dende hai tempo para converter o día do natalicio en diada de exaltación das letras rosalianas, boutizou o 24 DE FEBREIRO “DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO” co conseguinte rechamo á cidadanía:
  • animamos neste día a agasallar un libro en galego e unha flor.
  • convidamos a centros de ensino e concellos a participaren do “Día de Rosalía de Castro” organizando actividades de promoción da obra da nosa escritora para conmemorar o aniversario do seu nacemento.
O 24 de febreiro foi recollido oficialmente como “Día de Rosalía de Castro” pola Consellería de Cultura e Educación no seu “Calendario do Libro e da Lectura” en conformidade co que a AELG solicitou aos concellos declararen ese día 24 de febreiro como “Día de Rosalía de Castro” e recollelo así nas súas programacións culturais.
A “Asociación proCentenario de Nós 2020” (ApCNós 2020) séntese plenamente identificada coa iniciativa. E como achega de adhesión e respaldo ao fito ofrece a seguir a reprodución dunha das máis inspiradas glosas literarias de Ramón Otero Pedrayo sobre a por el exaltada “Poeta da Desgraza”, “trono da dor sen consolo” (p. 78). Acompañada dunhas notas de encadre a cargo do Dr. Camilo Fernández Valdehorras acerca da hermenéutica espiritualista cristiá oteriana, como contexto de comprensión do escolio.

Rosalía, unha de Nós cen anos denantes de Nós: rosaliémonos!

Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) está a preparar numerosos actos en lembranza do Día de Rosalía de Castro, a celebrar o vindeiro 24 de febreiro, data do seu nacemento. Este ano fanse os 175 anos e a AELG convidou aos centros de ensino e concellos a participar organizando actividades de promoción da obra da nosa escritora. Unha delas é animar á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor ese mesmo día. AAsociación pro Centenario Nós 2020engádese a esta iniciativa
Rosalía na nosa literatura
Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.
A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.

No hay comentarios:

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...