sábado, 14 de marzo de 2009

maria do cebreiro

María do Cebreiro: Galicia, mujeres poetas
(INTENCIÓNS)

Non levo té nas palmas pero teño unhas xemas
que poden rebentar en calquera momento.
Asisto á prehistoria das raíces
e os meus dedos ensaian a caricia só porque non te poden rabuñar.
Con auga da traída
preparo unha infusión de finísimas herbas
e o verde leva un nome proscrito de muller, de maría, de min.
Tamén quero casar pero non teño roupa.
Por iso ás veces penso no xabrón do lagarto,
nas eventualidades, miña nai:
enxugar outra vez a saia coa que andaba perdida por aí
(igual que a carolina íspome polos pés).
Primeiro eu almorzaba malas herbas ata un fondo chamado última gota
e logo
así fregaba a louza, así, así,
mesturando na lingua memoria con desexo.
Imito a voz de isolda,
lamento o meu destino moito máis torpemente que luísa
insisto (sempre insisto) en preguntar,
coas miñas mans tan brancas
sumidas nos cacharros máis profundos.
Podía demorarme en refregar a carne contra tódolos concos
para apañar os restos dun pouso tan acedo como inútil.
Pedín xogar a bico, verdade ou consecuencia
pero non me deixaron.
Así pasaba o ferro, así, así
coa traizón dos outros incendiándome o pulso,
e emprendía reformas nese cuarto que por desgracia todos levamos dentro
ou tapaba as goteiras dun faiado
que ardera sendo eu inmediatamente anterior na orde do tránsito.
O braseiro e a decadencia son case a mesma cousa.
Sorprendeume entre os dedos o espertar do remol
Porque me souben lúcida pero sentimental despois de todo.
Así berrei por fin, así, así,
solicitando asilo, pedra pómez, calquera circunstancia respirábel.

O estadio do espello, 1998

No hay comentarios:

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...