Valentín Paz Andrade naceu o 23 de abril de 1898 en Lérez (Pontevedra) e morreu en Vigo o 19 de maio de 1987. Está enterrado no seu Lérez natal. Escolarizouse en Pontevedra e posteriormente estudiou a carreira de Dereito en Santiago. foi sempre membro activo da vida universitaria. Nos seus tempos de estudiante inicia a súa aproximación ó galeguismo, guiado nos seus postulados teóricos polo feito que supuxo a creación das Irmandades da fala. Aínda moi xove, Paz Andrade, evidencia un especial talento periodístico. Colabora en diferentes revistas como Grial, Outeiro ou O Ensino. Nos seus artigos aborda temas de lingua e literatura, dedicándolle unha especial atención á figura de Castelao, ó que coñece nesa época. Foi mobilizado polo Desastre de Annual e enviado a África. Posteriormente, debido a unha infección, é evacuado á península e declarado inútil para o exército. A partir de 1921 exerce de avogado en Vigo. Entre 1922 e 1926 dirixe nesta cidade o xornal Galicia, unha alternativa liberal e democrática que aglutinaba destacadas personalidades da vida e a cultura galegas, entre elas a Castelao, quen aportaba os seus debuxos e as súas caricaturas. En 1924 pasa dous meses na cadea de Vigo, por dous artigos que publicara. En 1957 volve outro mes á cadea. O xornal Galicia, co que xurdiu a gran escola de caricaturistas galegos, foi pechado pola dictadura de Primo de Rivera. Milita no Partido Galeguista, na formación do cal participa. En 1931 preséntase con Castelao e Cabanillas ás cortes constituíntes, non saíndo elexido por unha diferencia de poucos votos. En 1934 é nomeado Secretario do Partido Galeguista, en substitución de Castelao, que fora desterrado a Badaxoz. En 1936 colabora na campaña polo Estatuto de Galicia. Nesta época asesoraba como avogado ás asociacións de armadores pesqueiros. Sofre dous atentados, o primeiro en Vigo, o segundo en Verín, onde fora desterrado logo do alzamento franquista. Trasládano despois á Serra de Queixa e Pobra de Trives, onde coñece a Pilar, coa que casa en 1939. Anos máis tarde regresa a Vigo, sen que ninguén lle comunicase o fin do seu desterro. En 1940 nace o seu fillo Alfonso. Mantén contactos cos republicanos e despois da morte de Castelao en 1950 relaciónase cos emigrantes e exiliados galegos en Arxentina e intensifica a súa relación co mundo da pesca e a súa colaboración coa FAO. En 1976 e 1977, despois da morte do Dictador, representa a Galicia na "Comisión dos dez", que negociou a transición co goberno español presidido por Adolfo Suárez, e nas eleccións democráticas que teñen lugar ese último ano foi elexido senador por Pontevedra dentro das listas da Candidatura Democrática Galega. En 1978 pronuncia o discurso de ingreso na Real Academia Galega, da que é membro desde 1964. Valentín Paz Andrade, xa desde moi cedo, demostrou unha viva preocupación polos temas pesqueiros e pola máis xeral problemática socioeconómica de Galicia. Impulsor de Pescanova, empresa da que foi vicepresidente, e técnico da FAO, foi o primeiro especialista español proposto por esta organización das Nacións Unidas para misións internacionais en Hispanoamérica. Tamén, dentro deste eido, dirixiu a revista de economía e tecnoloxía Industrias pesqueras e é o autor do primeiro tratado sobre Principios de economía pesquera, editado pola FAO. Destaca tamén a súa faceta de conferenciante e participante en numerosos congresos internacionais da ONU sobre agricultura e alimentación. Poeta da Xeración de 1925, iníciase na literatura en 1921 coa publicación da novela Soldado da morte. En 1955 aborda o eido da poesía con Pranto matricial, no que evoca a morte de Castelao. Continuará esa liña en Sementeira do vento (1968), libro no que canta á paisaxe, ás xentes, ó exilio e ós poetas galegos. Cen chaves de sombra (1979) e Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1986) son as dúas últimas obras poéticas. Ademais das múltiples contribucións a libros e publicacións periódicas, é autor tamén dos ensaios Galicia como tarea (1959), La anunciación de Valle-Inclán (1976), La marginación de Galicia (1970), A galeguidade na obra de Guimarães Rosa (1978) e Castelao na luz e na sombra (1982), unha das máis completas biografías do autor de Rianxo. Como promotor que é dos estudios económicos en Galicia, publicou numerosas obras sobre o mundo da pesca e a actividade económica en Galicia. Valentín Paz Andrade, desde hai pouco tempo, dálle nome ó noso Instituto. Un pequeno pero merecido tributo a un galego para o que, en palabras de Xosé Filgueira Valverde, "Galicia, foi sempre, na vida e nos froitos, norte das rutas, meta dos pensamentos, ánimo de vizosos traballos. |
jueves, 10 de mayo de 2012
Valentín Paz Andrade
Valentín Paz Andrade
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario