O LUNS 12 DE MARZAL ÁS SETE E MEDIA DO SERAN NA BIBLIOTECA MUNICIPAL |
CREDO
Eu creo que iste mundo
é moi fecundo
e que hai algunhos ríos hidroeléctricos,
pero que os ventres das doridas nais
sexan montós de trigo,
nunca podrei creelo.
Creo que a lúa é aquela cousa
que está no teito da noite,
pero que o avión que pasa rum, rum,
fungando por enriba, sexa insecto,
nunca podrei creelo.
Creo que os homes pecan sete veces
por sete veces sete cada día,
creo na xeometría,
creo no átomo tan pequeniño,
pero que haxa unhos seres
capaces de leer tranquilamente os xornales
sin sentir tremer de noxo as vísceras,
nunca podrei creelo.
Cambio de tema e por exempro digo:
Elisabeth un ciclón made in U.S.A.
sementou o Caribe de cadavres
Bombas en seta, pun e tiranías,
negro linchado en Little Rock, Arkansas,
os dereitos do home en guerra fría.
Cambio de tema e verbigratia digo:
qué desgracia tan grande ser poeta,
oficio de chorar sin cobrar nada,
oficio de cuspir na mar inmensa
e de chantar pancartas no deserto.
(Poetas conformistas desta terra
testicular emporio de esqueletes
mentras o home loita, chora e sofre,
cantade a violeta, a margarida,
e desfollade a rosa reticente
dos vosos mínimos problemas...
decide si a todo e medraredes).
Cambio de tema pra decir etcétera,
etcétera, xa sabes, en voz baixa,
con puntos suspensivos
que ocultan as palabras prohibidas
que loitan por saírme,
que xa me están saíndo
con fórceps de xenreira e de cabreo:
hai algo que está podre en Dinamarca
e fede que alcatrea dende sempre.
Dempois entonarei un gran Tedeum
laudamus optimista pra dar gracias
ao ceo poderoso
que me labrou esí como me vedes,
pedra deixada, cousa estremecida,
canle de tempo e soño. Digo, un home.
No hay comentarios:
Publicar un comentario