Centro de Documentación da AELG
A min e non a ti
mordeume de neno unha balea
e no espiral de A.D.N.
mesturóuseme a dolor con tres pasos e tres golpes:
as chemineas enchéronse dos bechos máis pequenos
a cola do alacrán habitoume polos brazos
e a memoria
a memoria
a memoria é un animal
con solitaria.
(II)
E atravesados pola barriga
ela e eu
morremos xuntos cada mes
como se a cera das rúas
estivese máis mesta
e os barcos afundisen
baixo a pel das grúas.
Explícame sen ferirme
o tránsito do deserto
cantos son os nenos
que morreron nos portais
deixándose os labios
baleiros de memoria
cantos son os animais que nos quedan
e quen nos roubou o abecedario dos ollos.
Cántame outra vez a canción da balea
mentres absorbes o rastro do meu nome
mentres me enches o lombo de cristais
e o corazón se constrúe
no latexo oposto.
Dime se se pode medir
a distancia que separa
a túa boca do meu ventre
o cemiterio de peixes
onde habitan as algas
o lugar exacto dos corpos
onde nos matamos cada vez
máis xuntos.
Arríscame os brazos
as medusas
ó xogo da pedra
dóeme a hora en punto en que nacemos
e se me quedan ondas
quizais entre as dúas pernas.
Atravésame unha e outra vez
o camiño da néboa
o código de luces dos faros
cando o palangre ole ós restos da suor
e os homes traen
o que lles deixa a fame.
Acálame a voz
da cidade e dos adornos
os parques visitados con anaquiños de miga
onde os cisnes dormen
para non voar máis lonxe.
Atravésame unha e outra vez
polas entrañas da carne
falándome os teus ollos
dos deuses e das algas
de cantos son os que ficaron
apreixados nas dunas
e se me quedan forzas
para regresar ás veces.
Tócame o teu núcleo
da porta para dentro
nas xanelas de enfronte
apenas nos recordan
e podemos xuntos
mastigar sen présaso aire irrespirable do bordel.
Sobre o leito
o vento se divide
e ti me pasas a dolor
das árbores das rochas e da casa
descifras a marea nun vaso de vodka....
HOXE NON VICHES COMO AMENCÍA
FOI BONITO
HOXE NON VICHES COMO AMENCÍA
E FOI BONITO.
(III)
CON ESPASMOS E TREMORES
CON CERDEIRAS DE PEDRA
E RÚAS ARRUINADAS
TODOS NA CASA
GARDABAMOS A MAREA NUN SOBRE PECHADO
QUE DE QUE
QUEN DE QUEN
SEN REMITE
O SILENCIO.
No hay comentarios:
Publicar un comentario